DOMITILA (2026)

Teaser “DOMITILA”

“Unha peza sobre a delicadeza e a arte como espazos de resistencia e superación”

Afonso Becerra de Becerreá

Domitila meteuse no meu corpo o día que escoitei o relato de esta muller galega que pasou o mellor da súa vida fuxindo por apoiar a guerrilla republicana.

É unha peza no ámbito das artes do movemento que recupera a memoria dunha muller anónima, da montaña de Lugo, que colaborou coa guerrilla antifranquista e que foi torturada e condenada ao cárcere. Porén, no seus últimos anos, Domitila realiza o seu soño de xuventude, tocar a guitarra e bailar.

O coñecemento desta historia e a fonda impresión que me causou impulsáronme para danzar a memoria histórica e, deste xeito, poñer o meu gran de area e transmitir a idea de non volver a caer no mesmo erro, a tortura, a guerra.

Domitila non é un personaxe, é unha muller a quen lle arrincaron a xuventude, mais non a valentía.

Co tempo dinme conta de que na miña historia persoal tamén hai reclusión, aínda que por outros motivos. A reclusión da danza que deixei durante trinta anos, porque o contexto era adverso e, nun ámbito no que a sensibilidade se pon en xogo, esas dificultades afectáronme até o punto desa reclusión.

Así que, nesta peza, se trazan pontes, explorando ecos e reflexos entre pasado e presente, entre represaliada política e vocación acoutada.

“Todo o que se conta non se conta, senón que se infunde no movemento dancístico, sonoro e por veces, como refachos, verbal”

Afonso Becerra de Becerreá

Creación: Amparo Martínez Paz

Baila: Amparo Martínez Paz

Dramaturxia e Dirección: Afonso Becerra de Becerreá

Iluminación: Macarena Palacios Martínez

Música: Macarena Montesinos

Vídeo-imaxes : Tony D’Arco

Fotografía: Sara Traba

Vestiario: Anzzoni